Unha ducia de anos

From As feiras de ciencia na Galiza
Jump to: navigation, search
Unha ducia de anos.
Van xa doce edicións, 12 cursos entre unha primeira edición da feira da ciencia e Tecnoloxía e a deste 2006. Tempo abondo para intentar mellorar cada ano e tentar que salla algo adiante.
Por parte dos profesores, con temor e esperanza. Temor de que non saia: estamos a traballar con xente en formación, e sempre queda o medo de que a formación non sexa a suficiente. Esperanza do mellor: tamén estamos axeitados a loitar para conseguir o mellor froito.
Por parte dos alumnos, cada ano con ollos que se atopan con novidades e que ás veces tardan en afacerse. Tamén con outros que pasaron pola feira e a lembran con cariño.
Pode que sexa tempo de pasar unha revisión completa, pero o espazo da revista sería pouco para tal cousa. Conformémonos cunhas pinceladas.
O nome? Ven dunha tradución de 'Science fair', empregado nos seus comezos nos EEUU para facer algo parello ó que facemos nós. Engadíuselleo 'e da Tecnoloxía' para facilitar a apertura a máis persoas e contidos. Logo pasou a sere 'e Mostra de Formación Profesional' para incluír asemade os contidos dos ciclos formativos. E este curso voltou a ser sinxelamente 'Feira da Ciencia e Tecnoloxía' ó facerse de xeito independente a 'Mostra de Formación Profesional'.
Quedará co nome actual? O tempo o dirá; no proxecto europeo no que participamos anos pasados os centros extranxeiros adoitaron o nome de 'Euroscience', e noutros sitios fálase sinxelamente de 'School fair'. No futuro non se descarta que poda ter máis variacións no nome, tentando adaptarse para unha mellor educación. Hai que aclarar que en cada sitio é diferente a orientación da actividade, e ten participantes diferentes, co que se procura un nome máis axeitado para cada caso, ó igual que aquí se engadiu 'e da Tecnoloxía' no seu momento.
E as ideas? As ideas que se collen ano tras ano para tentar de non repetir teñen orixen diferente: libros, internet, outros profesores, ... pero cada ano aparecen ideas novas e novos sitios onde procurar por elas.
Foi sempre igual? Ningunha das edicións foi igual a outra. É unha debilidade e un reto. Unha debilidade porque non sendo profesionais das feiras, cada unha supón novos perigos de meteduras de pata. E por eso mesmo, un reto que fai que en cada ano se poda tentar algunha mellora.
Varía a xente? Todos os anos varían os alumnos; os profesores fáno con menos frecuencia. María, profesora que comezou, non sei se coñece a María José, incorporada en exclusiva para a última edición. No medio, moitos outros profesores que non comezo a citar por ter medo de esquecer algún. E cando o outro día pasou pola feira Elisa, poucos eran os alumnos que sabían que aínda catro anos antes participara como eles o estaban a facer neses momentos.
Sempre se fixo no mesmo sitio? Se nos referimos ó IES, si. Nembargantes, as primeiras edicións facíanse no que hoxe son oficinas (antes biblioteca), no salón de actos (hoxe biblioteca e parte da sala de profesores) e no corredor entre ambos. É dicir, os tempos cambiaron pouco a pouco e os lugares tamén. O pasar ó pavillón constituiu un reto, e unha oportunidade, polo espazo.
Sempre participaron os mesmos grupos? O primeiro ano foi posible ó comezar a ter o 1º do BT, que de sempre é o grupo que máis implicación ten; non había aínda o 2º. Así como foi variando o centro, así tamén o fixeron os alumnos participantes.
Que expansión tivo a feira? Os primeiros anos buscouse difundir a feira, e dende aquela hai tódolos anos novas en prensa, na radio ou aínda na tele, como se viu este ano, que resultou ser o medio que fixo unha maior difusión. Asemade, a feira tivo a súa difusión nalgún medio extranxeiro a raíz das visitas dos alumnos no proxecto europeo Comenius. Nembargantes, preténdese que non creza moito para que teña rendemento educativo: aquí ninguén é profesional das feiras nin pretende selo, e por contra, todos estamos relacionados co ensino.
E o cartel? Boa parte dos anos foi feito por min, pero tamén teñen participado outros profesores, ata chegar a esta edición, na que foi froito da profesora de debuxo do pasado ano, Mª José. Só dous anos (X e XI edicións) foi encargado a xente de fóra do centro. Incorporou asemade, ata a X edición, un lema co que se trataba de relacionar feira, ciencia e ensino. Así, na primeira, 'voa coa imaxinación', animaba a facer posible calquera cousa mediante imaxinación e ciencia. E nesas seguimos: os lemas seguen a ser válidos hoxe.
Cántas experiencias levan pasado pola feira? Espero ter un número más aproximado pronto, pero por agora, unha estimación da perto de oitocentas diferentes só contando as disciplinas que participaron todos os anos.
E a financiación? Mellor tocar madeira, pois de Alcoa (con diferencia, o maior patrocinador externo que houbo, con 20000€ en dous anos) ó programa Comenius son moitas as entidades que participaron aportando financiación... e que se esto segue teremos que procurar que aporten.
De quen é a Feira? Teño tentación de dicir 'do IES', pero sería só no mesmo sentido que preguntar: de quen son os alumnos? e contestar: do IES. Porque a feira é de todos os que participan nela, chámense Susi, Teresa, Alfonso, Martín... ou Felipe, Lucas, Agustín, Tamara, Verónica, Lucía, Cristina, Paula, Eloy, Boris, ... por nomear algúns dos participantes na última edición. En maior ou menor grao, pero de todos.
Máis preguntas? Espero que queden moitas porque eso significará que ten interese. En calquera caso, pouco a pouco irase completando a historia, como se ten feito en diversos medios (incluído internet) con artigos como "A ciencia, na casa" ou "Feiras e inventiva"
Como fin, unha cita de recoñecemento: Alan Ward, a quen non coñezo pero teño leído varias voltas dende o nº 266 de School Science Review (setembro do 92) foi o que rematou por dar o primeiro impulso á feira. Thank you, Alan!
Antonio Gregorio Montes

Artigo referido á Feria da Ciencia e Tecnoloxía do IES Porta da Auga