Seguimento dos proxectos

From As feiras de ciencia na Galiza
Jump to: navigation, search
[[Seguimento dos proxectos|Galiza.png]]España.pngUnión_Jack.png

0

Sen proxectos non hai feira. Os proxectos non o son todo en relación a unha feira, pero si son a base e o traballo didáctico asemade básico: a mera existencia de proxectos que expoñer pode dar lugar a unha feira, pero ningunha estrutura de feira se poderá manter se non hai proxectos. Como corolario do anterior, está claro que o primeiro que hai que coidar é a realización de proxectos. É dicir, os pasos a seguir dende que se anuncia unha convocatoria de feira pasan antes, durante e mesmo despois da súa celebración polo coidado dos proxectos a expoñer.

Pódese facer unha liña temporal marcando os pasos a seguir, que sempre terá que ser indicativa:

1.Animación

En principio, hai que contar cunha animación dos alumnos para que procuren proxectos (ou, se son pequenos e/ou se lles subministran as ideas, para que os asuman, para que se fagan cargo deles). Se se asume que a feira é o resultado do traballo ó longo da meirande parte do curso, (o que non ten por que ser así, pero en Galicia resulta ser case exclusivo na práctica), entón pode articularse o acto de comezo de curso como o pistoletazo de saída para que os alumnos e alumnas se animen a participar. Para esta animación hai que ter xa esquematizadas algunhas cousas respecto da feira: non é o mesmo animar a alumnos a que fagan cousas ás que xa se ven obrigados dalgún xeito pola programación que animalos a facer algo de xeito extra, que aínda que sexa unha actividade complementaria na formación, será percibida como extra-escolar. É dicir, a animación depende das circunstancias creadas polos profesores e profesoras para o desenvolvemento da actividade. En calquera caso, é un erro propoñer o desenvolvemento de proxectos de xeito separado á actividade do curso, tanto pola perda de sinerxia entre o avance na aula e o avance no proxecto como pola posibilidade de creación do proxecto na mente dos alumnos como algo separado da materia, correspondendo en certa forma á ciencia como algo separado da teoría. Aínda que se pode profundar sobre o tema, polo momento abonda con estas ideas básicas.
Animación

2.Elección de proxecto

Despois, hai que axudar e/ou aprobar a elección de proxecto. Xa temos ós alumnos con certa animación para desenvolver un proxecto. E agora, que? Pois agora ven o escoller que proxecto levar a cabo (ver o apartado de método de proxectos). En calquera caso, ó profesor, titor do proxecto correspondente, compételle o asesoramento e vixiancia de como se fai a elección. Non tanto polo sistema, senón máis ben en base a tres criterios de selección: que poda estar ó alcance do alumno polo desenvolvemento necesario, que poda rendir para a súa formación e que sexa escollido en base a algún tipo de interese. Por orde, os criterios anteriores (que non son nin os únicos posibles nin o único xeito de expresalos) aseguran que o alumno non se verá frustrado como persoa ó non poder rematalo de xeito convinte, que estamos traballando todos (alumno e profesor) segundo criterios educativos como é o aproveitamento da idea de 'desenvolvemento próximo', e que o mesmo traballo do alumno teña unha compoñente de sentimento, creando ligazóns entre a persoa e a ciencia que está a desenvolver. A aplicación deses criterios compételle ó profesor, que ten que ter un mínimo coñecemento tanto da materia como do factor humano para poder manexarse con eles.

3.Seguimento

Unha terceira fase é o seguimento do que se está a facer, dende a redacción do proxecto ás sucesivas revisións que darán testemuña do que se vai facendo. Debe arbitrarse algún tipo de seguemento, tanto para asegurar un mínimo de traballo e distribución ordenada como para asegurar asemade un mínimo de calidade no mesmo. E é esta, a calidade, a que nos da a idea de seguimento en correspondencia cos sistemas de calidade. Pódense ver a modo de exemplo as revisións 1 e 2 da Feira da Ciencia do IES Porta da Auga do ano 2007, pero o importante é que quede un rastro que permita tanto ó profesor seguir os pasos e o traballo desenvolto, como a outras persoas, alumnos ou non, facer unha repetición mellorada do proceso. Asemade, o seguimento permitirá facer unha exposición completa na proia feira, e preparará ós desenvolvedores de cada proxecto para as preguntas que se lles presenten.

4.Presentación e finalización

Por último, chega a fase de presentación e memoria do proxecto, así como do seu desenvolvemento práctico durante a feira. Cando o proxecto está finalizado, só o está na aparencia: se partimos da premisa de que coñecemento non compartido é coñecemento desaproveitado (ou, no caso peor, aproveitado indebidamente), entón para finalizar o proceso é necesario expoñer que foi o que se fixo, de onde se partiu, a onde se chegou,... é dicir, presentar o proxecto ós máis, na actividade máis identificable como 'feira de ciencia', que é a punta do iceberg, pero necesaria e indicativa de todo o que hai por baixo dela (e anterior a ela). Aínda despois, debe facerse a memoria. Despois e non antes, pois a súa exposición vai dar pistas ó propio alumno da calidade dos resultados obtidos, de posibles inconvinenientes que non se deixaran ver antes, de posibilidades de desenvolvemento posterior, etc, é dicir, vai permitir aquilatar o proceso de interiorización de coñecemento e metodoloxía, completando así a formación correspondente á feira.

Volta a Un pouco de teoría

Nota sobre imaxes: premendo co botón dereito do rato sobre elas, e escollendo abrir nuna nova fiestra, en xeral poderán verse aumentadas de tamaño.
Esta páxina sobre Feiras de Ciencia en wikispaces foi editada 17 veces. A derradeira modificación ata o momento tivo lugar na data Mar 10, 2015 3:25 am.