Feira de Ciencia

From As feiras de ciencia na Galiza
Jump to: navigation, search
-Feira de Ciencia-

Introducción

Unha primeira orientación da wiki debe ser sobre a entidade propia das feiras: Que é unha feira de ciencia?

O concepto de feira de ciencia é moi amplo, e en diferentes lugares, pola propia disposición das actividades que se realizan baixo o epígrafe de 'feira de ciencia', o que se entende pode variar (ver Tipos de feiras). Aínda así, hai unha serie de conceptos xerais que se poden referir a calquera 'feira de ciencia' e que abranguen asemade outras actividades que non levan ese nome en principio, pero que se poden entender perfectamente dentro da súa clasificación.

1.As feiras son unha mostra de montaxes e actividades en relación á ciencia.
2.Esta mostras teñen relación con estudantes en formación na área científica.
3.Son abertas a un grupo maior que o propio que as promove.
4.Implican unha explicación do realizado polos propios aprendices de científicos.
5.Permiten unha interdisciplinareidade, tanto considerando a ciencia como método científico como como coñecemento en relación a outros coñecementos.

Outras características poden ser aleatorias, pero as anteriores, entendidas dun xeito amplio, son comprensivas da idea (que non da organización) de todas as feiras.
Comentando os puntos anteriores, pódese dicir:


1.As feiras son unha mostra de montaxes e actividades en relación á ciencia

Ainda que non sexa o seu desenvolvemento histórico, as feiras poden ser encadradas dentro da tradición de feiras dos pobos en Galicia, no sentido de que nelas amósanse os produtos, hai tratos ponderando características e valor, os tratantes son os propios mantedores do gando ou produto agrícola por unha beira e os interesados (mesmo os consumidores últimos) pola outra, hai ambiente festivo, etc. A montaxe nun caso está encadrada na compravenda de produtos alimenticios, e noutro, no intercambio de coñecementos e aplicacións da ciencia...

2.Estas mostras teñen relación con estudantes en formación na área científica

Poden concebirse de xeito sinxelo mostras nas que os traballos de ciencias queden sos ou sendo defendidos polos titores que acompañaron a súa realización. Ou poden ser defendidas por alumnos ideas e traballos collidos da historia da ciencia. 'Eso' non son feiras de ciencia, aínda que podan ter diferentes graos de aproximación. A feira de ciencia representa o final dun proceso científico, a relación entre o investigador novel e a sociedade. Corresponde en investigación científica 'senior' coa venda de ideas, publicacións e congresos, e o mercadeo para facer que prevaleza unha teoría ou para conseguir financiación para unha liña de proxectos. É dicir, o concepto está imbricado como parte do desenvolvemento da aprendizaxe científica, non de xeito illado, e debe considerarse como unha ferramenta máis para esa aprendizaxe da ciencia que se procura como máis completa.

3.Son abertas a un grupo maior que o propio que as promove

Como consecuencia do anterior, a mostra non debe quedar reducida a unha exposición 'intra clase', senón que debe dárselle un recoñecemento externo por medio de visitas de xente allea ás investigacións e montaxes expostos. Do contrario, sería unha sesión de clase onde cada quen expón o seu traballo: é algo que se pode facer, pero que tampouco representa o concepto de feira de ciencia, verquida cara ó exterior e mesmo unha actividade de relación (e de promoción) do centro educativo coa sociedade que o contorna, dende pais ou amigos a curiosos. Como referencia, na Feira da Ciencia do IES Porta da Auga, o grupo de visitantes máis asiduo a traverso das diversas edicións ten sido un grupo de mulleres maiores que ven pasar parte dunha tarde á mostra, ainda que non ten moita relevancia na difusión do evento ou as ideas que se expoñen ano a ano.

4.Implican unha explicación do realizado polos propios aprendices de científicos

A explicación das experiencias e montaxes por parte dos implicados permite un desenvolvemento de temas que podemos considerar transversais: o desenvolvemento en público, manexo da oratoria, interiorización dos explicado, visión dende o punto de vista alleo, crítica do propio traballo, etc, que constitúen un apoio para a formación científica e sobre todo, para a formación como persoa.

5.Permiten unha interdisciplinareidade, tanto considerando a ciencia como método científico como como coñecemento en relación a outros coñecementos

As feiras non poden considerarse tampouco illadas como 'tema científico'. No punto anterior vese que o seu desenvolvemento permite tamén e necesita de interdisciplinareidade. Aínda así, cabe remachar que permiten a confrontación de diversas metodoloxías de aproximación e resolución dos problemas da investigación e desenvolvemento científico, ó tempo que se confronta o coñecemento científico con outro tipo de coñecementos en relación con temáticas do maís diverso, dende a estética á económica, por pór dous exemplos. Isto ocorre precisamente polo intercambio de pareceres entre expositores de diversos niveis e grupos entre si e co público visitante.

Ligazóns

A continuación van varias ligazóns para ilustrar estes puntos (en xeral os artigos, pódense atopar en varios lugares, tamén impresos):


Volta á Portada.


Nota sobre imaxes: premendo co botón dereito do rato sobre elas, e escollendo abrir nuna nova fiestra, en xeral poderán verse aumentadas de tamaño.

Cambios recentes na wiki